

En Os Biosbardos levamos anos experimentando con distintas formas de convivir (e non combater) coas herbas espontáneas que xorden nas nosas leiras. Hoxe queremos compartir contigo dúas técnicas que estamos a empregar e avaliar en profundidade: o método de cartón + palla e o uso de filme biodegradable. Ambas as dúas solucións teñen un obxectivo común: coidar o solo, evitar o uso de herbicidas e manter intactos os nosos principios agroecolóxicos.
Método de cartón + palla
Esta técnica consiste en cubrir o solo cunha capa de cartón limpo e colocar enriba unha capa de palla. O cartón bloquea a luz, impedindo que agromen as herbas, e a palla axuda a conservar a humidade e a protexer o cartón do vento e do sol.
Que conseguimos?
Conservación da humidade
Evitar o uso de maquinaria pesada (menos compactación do solo)
Protección e estímulo da vida do solo (miñocas, microbioloxía, etc.)
Que nos complica a vida?
Conseguir cartón limpo en cantidade non é doado: a maioría do cartón dispoñible procede de embalaxes industriais con tintas, grapas, plásticos ou adhesivos, o que o fai inadecuado para o solo.
Algunhas empresas coas que contactamos non separan o cartón útil do que non o é, e iso obríganos a investir tempo e esforzo na selección do material axeitado.
Aparecen caracois e lesmas, que atacan os plantóns tenros se non se controla a situación.
Método do filme biodegradable
Este acolchado fabrícase con materiais como fécula de pataca ou amidón de millo. Esténdese sobre o solo para frear a aparición de herbas.
Que vantaxes ten?
Moi eficaz no control de herbas.
Menor proliferación de caracois e lesmas.
É biodegradable, e estamos a analizar se realmente deixa ou non nanopartículas ou residuos plásticos.
E os puntos débiles?
É caro e ten unha duración limitada.
Require fresado previo do solo (o que dana as miñocas e aumenta o consumo de gasóleo).
Xéranos dúbidas éticas: de onde vén ese millo ou esa pataca? Como se cultivan? Que residuos pode deixar no noso solo?
Investigación e mellora continua
En Os Biosbardos cremos que a única forma de avanzar é investigar. Por iso estamos impulsando a creación dun Grupo Operativo para estudar a fondo o uso do cartón como cobertura. Queremos que sexa unha solución escalable, viable para outros produtores, e que se converta nunha ferramenta útil dentro da transición agroecolóxica real.
Interésache este tema?
Déixanos as túas preguntas ou escríbenos se queres saber máis. Compartimos non só as nosas prácticas, senón tamén as nosas dúbidas, erros e aprendizaxes. Porque cultivar sen velenos tamén é cultivar coñecemento
#ControlDeHerbas #Agroecoloxía #AgriculturaRexenerativa #OsBiosbardos #SenHerbicidas